Forxa Mancomún

Xunta de Galicia
Procura avanzada
Publicado por : Administracion Forxa
Data : 03-06-2015 19:04
Resumo :Publícase o software do proxecto DESOURB
Proxecto :DESOURB

O proxecto DESOURB (Desenvolvemento Sostible Urbano) ten como obxectivo a definición dun modelo para a análise, diagnóstico e monitorización, que facilite a xestión sostible do territorio.
O software desta iniciativa está publicado desde hoxe no Repositorio de Software Libre da Xunta para facilitar a súa reutilización así como a colaboración para a súa mellora.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén de publicar con licenza libre o software para o proxecto DESOURB (Desenvolvemento Sostible Urbano).

Esta ferramenta informática está xa dispoñible no Repositorio de Software Libre da Xunta, onde se pode atopar, tanto o código fonte completo da aplicación como a súa documentación. Deste xeito, facilítase a súa reutilización así como a colaboración para a súa mellora.

A liberación do software do proxecto supón a posta a disposición dos cidadáns dunha plataforma moi potente para a xestión do territorio, que pode ser empregada, por exemplo, polos concellos, mancomunidades ou calquera administración ou entidade de xeito gratuíto.

O proxecto DESOURB ten como obxectivo a definición dun modelo innovador de planificación e xestión territorial baseado en indicadores. A iniciativa, desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, xunto co Eixo Atlántico do Noroeste peninsular a través de Eixoecologia (Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular), está financiada con fondos europeos do “Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal” (POCTEP).

Como parte do proxecto desenvolveuse unha plataforma informática en web, que permite a captura e introdución de información, tanto en soporte alfanumérico como xeográfico, necesaria para a realización dos diagnósticos, establecer obxectivos ou monitorizar os resultados das accións realizadas en base a índices e indicadores. A aplicación permite o cálculo automático destes indicadores, dende os que comprenden cálculos máis sinxelos, ata os máis complexos que requiren operacións con datos xeográficos. Ademais, permite a incorporación, definición e creación de novos indicadores por parte dos usuarios da plataforma.

Todo este traballo ten como finalidade última dispoñer dunha ferramenta que permita a harmonización e centralización da información territorial nun único punto, para difundila ao público dun xeito sinxelo. A información está organizada en proxectos categorías, temas e indicadores e os usuarios de internet poden visualizar, consultar, descargar e imprimir os datos que están dispoñibles en forma de táboas, gráficos, mapas e informes.

É unha ferramenta de monitorización da xestión do territorio, que foi desenvolvida en código aberto de tal xeito que pode ser empregada por distintas administracións ou organizacións facendo as adaptacións necesarias sobre a base xa executada.

Pódese ver a información pública deste proxecto dispoñible en internet a través da web http://desourb.xunta.es/Desourb/

A colaboración entre a Amtega e o IET enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia que pon á disposición da Administración Pública galega o servizo de certificación de liberación de software, que analiza a viabilidade da liberación e as condicións nas que se pode realizar.

Últimas novas

Foros de discusión: publ--case-o-software-do-proxecto-desourb

Monitorizar o foro | Comezar unha nova conversa Comezar unha nova conversa

 

Tema Iniciador do tema Respostas Última mensaxe