Forxa Mancomún

Xunta de Galicia
Procura avanzada
Publicado por : Administracion Forxa
Data : 01-05-2018 08:41
Resumo :A Amtega colabora co proxecto de software libre Ansible
Proxecto :Amtega Ansible Roles

- A Amtega contribúe ao proxecto Ansible liberando código fonte para a automatización de diversas tarefas de xestión e administración de servidores TIC.
- A liberación como software libre desta aplicación facilita a súa reutilización por parte doutras administracións, e de calquera outra entidade ou particular, así como a colaboración para a súa mellora.
- A Amtega estrea conta en GitHub para favorecer a difusión e reutilización do software liberado.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colabora co proxecto de software libre Ansible a través da publicación de código que permite a automatización da configuración e despregue de diversos servizos en infraestruturas TIC.

Para favorecer e incrementar a visibilidade e reusabilidade do código liberado optouse por contribuír ao proxecto Ansible publicándoo seguindo as pautas e protocolos de colaboración da propia comunidade. Así, publicáronse os compoñentes liberados na plataforma da comunidade Ansible, denominada Galaxy, (https://galaxy.ansible.com/amtega/).

Ademais, como vén sendo habitual, seguindo o procedemento de liberación de software da Xunta de Galicia publicouse o código fonte liberado a través do repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia (https://forxa.mancomun.org/projects/ansible-roles/).

Ansible, ferramenta de automatización de infraestruturas TI

Ansible é unha tecnoloxía de automatización que permite mellorar os procesos necesarios na xestión dunha infraestrutura de tecnoloxía da información (TI). Actualizar a configuración de varios equipos ao mesmo tempo, instalar unha aplicación en todos eles á vez, ou despregar un novo conxunto de servidores coa mesma configuración, son algunhas das vantaxes que nos ofrece esta tecnoloxía.

Os denominados Roles de Ansible son pequenos proxectos que permiten automatizar a realización de varias destas accións de xeito combinado. Podemos entendelos como unha receita onde están definidos todos os pasos que hai que facer para automatizar calquera tarefa. Unha vez que está definida esta receita (o que o proxecto Ansible denomina Rol), esta pode ser aplicada a través da rede a un grupo de equipos ou servidores, tanto nunha rede local como a través de Internet.

No marco deste proxecto de liberación, todos os novos roles que se vaian definindo na Amtega e que poidan ser de interese para calquera outra administración, entidade ou particulares, serán tamén publicados seguindo o mesmo protocolo, fomentando a súa reutilización e a colaboración con este importante proxecto de software libre.

Galaxy, a plataforma oficial da comunidade Ansible para compartir Roles

A comunidade de usuarios e desenvolvedores oficial do proxecto Ansible articúlase a través da plataforma Galaxy, un portal web a través do cal se comparten Roles, publicados baixo licenza libre. Deste xeito calquera que queira compartir a súa receita creada con Ansible pode subila a este portal para que outros poidan empregala.

Neste portal, a Amtega está publicando varios destes Roles, liberados baixo unha licenza de software libre e seguindo as recomendacións e boas prácticas da comunidade en canto á organización dos mesmos, a fin de que poidan ser de utilidade e favorecendo así a súa reutilización.

Conta oficial da Amtega en GitHub

Adicionalmente a esta colaboración co proxecto Ansible, a Amtega estrea conta oficial no repositorio de proxectos colaborativos GitHub (https://github.com/amtega). Esta plataforma é ben coñecida entre os desenvolvedores de software libre xa que é unha das máis empregadas para desenvolver este tipo de proxectos de xeito público para que todo o mundo poida ter acceso ao código fonte dos mesmos e colaborar.

Deste xeito poténciase a presenza dos proxectos de software publicados como Software Libre pola Xunta de Galicia, facilitando a súa reutilización e as posibilidades de colaboración nos mesmos por parte doutras entidades ou administracións.

Esta colaboración enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. Estes Roles son liberados cunha licenza libre GPLv3 (General Public License version 3) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).

Últimas novas

Foros de discusión: a-amtega-colabora-co-proxecto-de-software-libre-ansible

Monitorizar o foro | Comezar unha nova conversa Comezar unha nova conversa

 

Tema Iniciador do tema Respostas Última mensaxe